Que é a AGXPT?
A Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional pretende, basicamente, unir esforzos para favorecer o desenvolvemento e a práctica dos xogos e deportes tradicionais e populares galegos, e para logralo, contempla entre as súas liñas de actuación a creación dunha rede de información e de divulgación sobre as actividades lúdicas populares e tradicionais, a promoción e axuda á posta en marcha doutras asociacións ou entidades de ámbito local ou comarcal con finalidades semellantes ás da AGXPT, a organización de encontros, conferencias, congresos e, en xeral, calquera tipo de actividades sobre o tema, a edición de boletíns, revistas e libros, utilizando os medios audiovisuais para a información e a formación, ou a promoción e apoio de traballos de investigación orientados ao inventario ou aplicación educativa, deportiva ou recreativa dos xogos e deportes tradicionais.
ASOCIACIÓN GALEGA DO XOGO POPULAR E TRADICIONAL
O ser humano xoga
O xogo é unha necesidade vital do ser humano, unha actividade indispensable para o desenvolvemento dos nenos e das nenas, a actividade máis importante da infancia, a profesión dos rapaces e rapazas, un medio de aprendizaxe espontánea, un campo de experimentación de hábitos intelectuais, físicos, sociais, morais…
Infinidade de autores e autoras teñen tentado chegar a unha definición de xogo que non esquecese ningunha das súas virtualidades, e o labor non pode darse aínda por rematado. Porén, téñense tentado destacar cando menos tres características xerais do xogo. En primeiro lugar, o xogo é libre, espontáneo, e non condicionado por reforzos ou acontecementos externos. En segundo lugar, o xogo produce pracer en si mesmo, sempre á marxe de metas ou obxectivos externos ó propio xogo. Por último, e esta é a terceira grande característica do xogo -certamente determinada pola anterior- na actividade lúdica hai un predominio dos medios sobre os fins, sendo a finalidade do xogo, xogar, simplemente.
ASOCIACIÓN GALEGA DO XOGO POPULAR E TRADICIONAL
"Que" é o xogo popular e tradicional
Se resulta difícil chegar a unha definición precisa do xogo, enumerar as características específicas do xogo popular acaba por ser máis doado, deixando á marxe as pequenas diverxencias entre os estudosos sobre os conceptos xogo popular e xogo tradicional -o xadrez sería un xogo tradicional, mais non un xogo popular; un xogo inventado polas novas xeracións de rapaces sería co transcorrer do tempo un xogo popular, mais non un xogo tradicional-.
Xogo popular é, polo tanto, aquel xogo nacido no seo dunha determinada comunidade para dar satisfacción ás súas necesidades lúdicas, necesidades inevitablemente marcadas polo seu modo particular de vida.
Máis alá da propia vertente lúdica, esta sinxela definición agacha tras si unha grande transcendencia cultural. Os xogos populares forman parte da cultura da comunidade en cuestión como creación propia e singular. Alén diso, porén, debe tamén ser destacada de contado a segunda grande característica do xogo popular, precisamente pola súa transcendencia educativa. Os xogos populares, por constituíren unha creación cultural orixinal, son -foron- transmitidos de xeración en xeración, de pais a fillos, de avós a netos, implicando esta transmisión unha interrelación entre adultos e nenos dun grande valor educativo
Últimas novas
ASOCIACIÓN GALEGA DO XOGO POPULAR E TRADICIONAL